Erasmus+: Día 2 martes 17 de maio

O noso día no instituto comezou ás 8 da mañá, estivemos en clases diferentes durante unhas horas, Cristina en francés acompañando a Angélica cun grupo de 6º grao e Tatiana con Raquel en español cun grupo de 8º grao. Puidemos participar activamente interactuando co alumnado e observamos, que igual que en Galicia, hai alumnos/as de todo tipo: os que mostran interese e os que pasan de todo e están a outras cousas. Se houbese que destacar algo é que son silenciosos e non hai o ruído de fondo que tanto molesta cando un dá clase.




A media mañá, reunímonos con todo o departamento de linguas estranxeiras onde tiñan unha mesa reservada para cada unha. O departamento de Francés e de Alemán son unipersoais ( Angelica e Judith) pero no departamento de Español hai 4 profesores de diferentes nacionalidades (Raquel e Isabel españolas, Juan arxentino e Marcela chilena). Explicáronnos detalladamente o funcionamento tanto da escola como do sistema educativo sueco (faremos un post aparte sobre isto).




Sobre as 11.30 baixamos a comer. A comida é tipo buffet con prato único rico e saudable, con opcións para veganos. O menú varía diariamente e acompáñano con leite. Todo é gratuíto tanto para o alumnado como para o profesorado. Os alumnos/as, como teñen horarios diferentes, van chegando entre as 10 e a 12:30. Chamounos moito a atención ver a 4 estudantes fregando os pratos. Pensabamos que era unha “tarefa correctiva “, pero explicáronnos que todo o alumnado participa nesa labor durante 4 días ao ano e que prevalece sobre as clases (aínda que haxa exames!)




Despois de comer volvimos ás aulas ata as 3 da tarde. Finalizamos a xornada e concluímos que, a educación sueca ten moitos puntos fortes pero outros son mellorables. Vemos que a corriente actual en Europa é obter bos resultados nas estatísticas, aínda que para iso haxa que maquillar un pouco a realidade e baixar o nivel de coñecementos do alumnado.

Á 18.30 o director Kevin convidounos, xunto coa profesora Angélica, a cear nun restaurante típico,
"Fem sma hus", no barrio de Gamla Stan, o casco antigo de Estocolmo. Puidemos degustar caviar sueco, reno e unha sobremesa a base de frambuesas "laranxas". A comida estaba moi rica e estivemos moi a gusto comparando os costumes e as peculiaridades de ambos os países.


 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Erasmus+: Día 3, mercores 18 de maio

Erasmus+: Día 5, venres 20 de maio. A despedida